O adestrador do Dépor será o encargado de acender o Nadal en Betanzos

O Concello de Betanzos contará cun convidado especial para inaugurar as festas do Nadal. Óscar Gilsanz, o betanceiro recentemente nomeado adestrador do Real Club Deportivo da Coruña, será o encargado de acender a iluminación do Nadal nun acto que se celebrará o próximo xoves 5 de decembro, ás 19:00 horas, na praza dos Irmáns García Naveira.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, agradeceu ao técnico a súa presenza nunha data tan simbólica: “É un orgullo contar cun betanceiro como Óscar Gilsanz para esta ocasión tan especial. Queremos recoñecer o seu esforzo e dedicación, especialmente tras a súa traxectoria polas categorías inferiores do Deportivo”.
O evento incluirá a actuación musical do grupo Musicalmente e un momento doce para a cativada, que serán convidados a un chocolate.
Ademais, este ano, Betanzos contará cunha decoración do Nadal máis ampla ca nunca. A iluminación incluirá 11.173,60 metros cadrados, con 132 arcos luminosos, 447 elementos decorativos e case 592.000 micro LEDs de baixo consumo, reforzando o compromiso coa sustentabilidade enerxética. As rúas do centro histórico e da zona nova, así como as parroquias, tamén estarán decoradas con iluminación festiva.
Entre as atraccións principais destacan unha casa do Nadal accesible para todos os públicos e unha randeeira na praza da Constitución, mentres que na praza dos Irmáns García Naveira brillará unha elegante carroza de cabalos.
A alcaldesa convidou a toda a veciñanza e aos visitantes a gozar das festas: “Animamos a todas e todos a achegarse o día 5 e durante todo o Nadal para vivir a maxia e o espírito destas datas”.