O acuario da Coruña celebra a sexta edición da Feira de Ciencia Isabel Zendal

ACoruñaXa
O evento organizado pola Universidade da Coruña terá lugar o sábado 3 de febreiro en horario de mañá e de tarde
Isabel Zendal
Isabel Zendal
1 feb 2024

A Feira de Ciencia Isabel Zendal traerá o sábado 3 de febreiro ás salas do Aquarium Finisterrae da cidade once talleres divulgativos sobre ciencia organizados por profesorado e alumnado da Universidade da Coruña, e ofrecerá unha oportunidade para descubrir e aprender distintas disciplinas científicas participando nunha diversidade de experimentos, xogos e actividades. O horario é das 11.00 horas da mañá ata as 14.00 horas e das 16.00 ás 18.30 horas.

Con motivo do 25 aniversario do Aquarium, o Goberno municipal impulsará diferentes actos, entre eles esta feira, que dedicará os talleres a algúns dos grupos animais máis característicos do centro como tiburóns, peces paiaso e focas, ademais de abordar outros temas como o aproveitamento da enerxía solar, as algas, as aves mariñas ou as matemáticas no acuario.

As persoas que desenvolverán as actividades estarán caracterizadas como as protagonistas da expedición da vacina, da que toma nome esta feira. Os alumnos e alumnas serán os nenos vacuníferos e o profesorado representará aos médicos Balmis e Salvany, o mariño Pedro do Barco, así como a enfermeira Isabel Zendal.

A actividade está dirixida a todo o público que visite o Aquarium Finisterrae, e non ten custo adicional, está incluída no prezo da entrada que cada persoa deba aboar.

A Feira está organizada por UDCiencia d+i, un grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña, en colaboración co Aquarium Finisterrae. Leva o nome de Isabel Zendal como homenaxe á Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803.