O acendido do Nadal en Betanzos será o 27 de novembro cunha chocolatada para os escolares

Betanzos acenderá o seu alumeado de Nadal o vindeiro venres 27 de novembro, ás 19.00 horas, na praza García Naveira, cunha celebración que contará con música e unha chocolatada para os nenos e nenas dos colexios Nosa Señora de Atocha e Vales Villamarín.
O acendido estará a cargo da Asociación Xóvenes do Pobo, que celebra este ano o seu 50 aniversario. A alcaldesa, María Barral, destacou que será 'unha forma redonda de rematar o ano' dedicado a esta entidade.
A cita incluirá unha chocolatada para o alumnado dos dous centros educativos, desde Educación Infantil ata sexto de Primaria, que foi convidado polo Concello para compartir o inicio das festas.
Novos elementos na iluminación
O anuncio coincide coa finalización dos traballos de instalación do alumeado na praza García Naveira, que este ano incorpora novos elementos protagonistas, como unha campá xigante no adro de San Domingos e un túnel de luz no centro da praza.
Ademais, figuras de benvida recibirán os visitantes na entrada da Porta da Vila, un dos accesos ao casco histórico.
Betanzos continúa así ampliando a súa aposta pola iluminación de Nadal. Este ano incrementouse o número de rúas iluminadas e a presenza de luces LED e arcos luminosos, co obxectivo de recuperar o seu posto como referente do Nadal en Galicia.
A decoración incorpora tamén unha cor especial e adornos singulares que buscan realzar as rúas do casco histórico e crear un ambiente propio e recoñecible.
O acendido municipal será independente do concurso 'Xuntos brillamos máis'
O goberno local busca atraer visitantes á cidade e dinamizar o comercio e a hostalaría durante as festas. A alcaldesa lembrou que a iluminación de Nadal é a propia do Concello e que se acenderá o 27 de novembro con independencia do resultado do concurso onde Betanzos participa representando a Galicia.
'Participásemos ou non neste concurso, a iluminación que se instalou era a que estaba prevista para este ano', explicou Barral.
Betanzos participa finalmente no concurso 'Xuntos brillamos máis', de Ferrero Rocher. Se resulta gañadora, a marca realizaría unha iluminación especial nunha praza ou espazo do casco histórico, que implicaría un segundo acendido o 16 de decembro.
Barral explicou que 'as dúas cousas teñen moito que ver, pero non son o mesmo', e insistiu en que, gañe ou non o concurso, 'Betanzos seguirá sendo un referente no Nadal'. A alcaldesa animou a cidadanía a achegarse aos dous acendidos e a desfrutar da cidade durante estas datas.
A votación continúa aberta
A votación do concurso permanece aberta ata o 30 de novembro, cando se decidirán as cinco localidades que pasarán á final entre os 17 municipios que compiten actualmente.
Se Betanzos supera esta fase, participará na final a cinco, que se desenvolverá do 30 de novembro ao 7 de decembro. Posteriormente, disputará a final con outra localidade entre o 7 e o 14 de decembro, día no que se coñecerá o municipio gañador.