O 2025 será o ‘Ano Florencio Vaamonde Lores’ en Bergondo

ACoruñaXa
O Concello homenaxeará ao escritor de San Xoán de Ouces con actos, actividades e un logo conmemorativo
Florencio Vaamonde Bergondo
30 Dec 2024

O Concello de Bergondo designou o 2025 como o ‘Ano Florencio Vaamonde Lores’, en recoñecemento a unha das figuras máis destacadas da literatura galega do século XIX. Nado na parroquia de San Xoán de Ouces o 2 de abril de 1860, Florencio Vaamonde destacou tanto no ámbito literario como no cultural e político, sendo membro fundador da Real Academia Galega e das Irmandades da Fala.

Tras o éxito do ‘Ano Xoán Vicente Viqueira’ no 2024, o Concello continúa a súa iniciativa de poñer en valor autores e autoras vinculados ao municipio. Ademais de actos e actividades para divulgar a súa obra e legado, creouse un logotipo específico para este ano conmemorativo, que se utilizará en todas as comunicacións oficiais desde o 1 de xaneiro. O deseño combina elementos visuais que evocan a época do autor e reflicten a súa esencia cultural, incluíndo unha tipografía clásica e unha figura serena e reflexiva que simboliza o autor.

Florencio Vaamonde foi unha figura esencial para as letras galegas e o desenvolvemento da identidade nacional. Ademais de fundar institucións como a Liga Galega ou Solidaridade Galega, publicou artigos históricos en xornais como 'La Fidelidad' e 'Revista Gallega', cultivou a poesía formalista e destacou como novelista e ensaísta rigoroso.

O ‘Ano Florencio Vaamonde Lores’ busca honrar esta contribución coa organización de eventos culturais que reforcen a memoria e o coñecemento sobre unha personalidade clave na historia literaria e cultural de Galicia.

0.076737880706787