Nubeiro Labs e Que pasa na Costa, entre os premiados nos Premios PEL 2026 da Deputación de A Coruña

A Deputación da Coruña entregou este venres os Premios PEL 2026, uns galardóns que distinguen cada ano o talento empresarial e emprendedor da provincia e que nesta edición volveron bater récord de participación, con 145 candidaturas presentadas.
A gala celebrouse no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, e reuniu representantes institucionais, empresariais e sociais da provincia. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou durante o acto que os proxectos premiados amosan “a enorme diversidade e capacidade transformadora das empresas da provincia” e puxo en valor o potencial innovador do rural galego.
Os premios, dotados con 80.000 euros, recoñecen iniciativas pola súa capacidade de innovación, creación de emprego, impacto social, sustentabilidade e contribución ao desenvolvemento económico do territorio.
Na categoría de Mellor Iniciativa Emprendedora, o galardón recaeu en Nubeiro Labs, empresa fundada polos enxeñeiros Carlos García Sotelo e Sara López Castro, con sede en Cabanas e actividade en Pontedeume. O xurado destacou a súa capacidade para atraer talento de volta a Galicia a través dun modelo baseado na adquisición e profesionalización de pequenos negocios de comercio electrónico.
O accésit desta categoría foi para La Tribu Verde, consultora especializada en sustentabilidade aplicada ao sector audiovisual e cultural, impulsada por Ana María de Aspe Doldán desde Oleiros.
No apartado de Mellor Traxectoria Empresarial, o premio foi para Que pasa na Costa, medio de comunicación dixital fundado por Ubaldo Cerqueiro García en 2007 e convertido nun referente informativo para os concellos da Costa da Morte. O xurado valorou especialmente a súa aposta polo xornalismo hiperlocal en galego e a súa contribución á cohesión territorial e social da comarca.
O accésit foi para Chévere Producciones, compañía de artes escénicas e xestión cultural que en 2027 cumprirá catro décadas de actividade e que conta cun amplo recoñecemento dentro e fóra de Galicia.
Na categoría de Mellor Iniciativa de Territorio Sostible, a gañadora foi Enzicas Bio, empresa biotecnolóxica asentada en Santiago que desenvolve ingredientes naturais para a industria alimentaria a partir da valorización da castaña galega e doutras materias primas locais. O proxecto Bieiteiras, liderado por Cynthia Arias Ramil, recibiu o accésit polo seu traballo no ámbito da produción agroecolóxica e da recuperación do patrimonio rural.
O premio á Mellor Iniciativa Empresarial Singular foi para Frouma Atlantic Wood, impulsada por Francisco José Millán Valiño en Ribeira. O proxecto transforma madeira procedente das bateas de mexillón en pezas de mobiliario e creación artística, combinando economía circular, artesanía e deseño contemporáneo. O accésit recaeu en Sanín Percusión Tradicional, obradoiro compostelán especializado na fabricación e recuperación de instrumentos tradicionais galegos.
A Mención Honorífica do Xurado á Mellor Iniciativa Transformadora do Rural foi para Queizuar, queixería fundada en Bama, no concello de Touro, que foi recoñecida pola súa capacidade para modernizar unha actividade tradicional e contribuír á dinamización económica do medio rural.
Durante o acto tamén se rendeu unha homenaxe especial ao xornalista Isidoro Valerio, profesional con máis de catro décadas de traxectoria nos medios de comunicación e unha das voces máis coñecidas da información local e comarcal en Ferrolterra.
Os Premios PEL forman parte do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, un programa que, segundo os datos da institución provincial, mobilizou máis de 140 millóns de euros na última década e contribuíu á creación de miles de empregos e proxectos empresariais en toda a provincia.