Novo paso para abrir o río Maior tras desbloquearse a cesión de dúas estradas provinciais

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña levará a pleno en maio o convenio co Concello de Sada para formalizar o traspaso das vías e financiar as melloras necesarias no ámbito
DIPU CORU concello sada
20 Apr 2026

A apertura do río Maior en Sada deu este luns, 20 de abril, un novo paso administrativo. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde sadense, Benito Portela, e co concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña, para avanzar no procedemento de cesión das estradas provinciais DP-0812 e DP-0813, unha tramitación considerada imprescindible para poder executar esta actuación.

Do encontro saíu o compromiso de formalizar un convenio entre a institución provincial e o Concello de Sada. A través dese acordo quedará recollida a cesión das dúas vías afectadas polo proxecto e tamén o financiamento, por parte da Deputación, das obras complementarias previstas neses tramos.

En concreto, a intervención incluirá a renovación das beirarrúas e distintas actuacións orientadas a reforzar a seguridade viaria nas dúas estradas. Pola súa banda, o Concello asumirá a redacción do proxecto destas melloras, completando así a actuación no ámbito afectado. Segundo o acordado, a execución das obras será financiada integramente pola Deputación, sen custo para as arcas municipais.

O convenio será elevado ao pleno provincial no vindeiro mes de maio, co obxectivo de continuar a tramitación administrativa e facilitar que os traballos poidan avanzar canto antes. A cesión destas estradas era unha condición necesaria para que a Xunta de Galicia poida seguir coa licitación do proxecto de apertura do río Maior, que xa está redactado.

Desde as administracións implicadas subliñan o carácter estratéxico desta actuación para Sada, xa que non só busca reducir o risco de inundacións na vila, senón tamén favorecer unha transformación urbana e ambiental dun espazo especialmente sensible.

0.11641001701355