Nove portos galegos conseguen o distintivo de bandeira azul

Un total de nove portos dependentes da Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, ostentan este ano o distintivo Bandeira Azul que outorgou a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC. Este galardón recoñece a calidade das instalacións e servizos que ofrecen os peiraos deportivos e supón un reclamo turístico e empresarial para as entidades e para o conxunto das vilas que as acollen.
En concreto, nesta edición de 2026 os galardóns recaeron nos operadores Real Club Náutico de Ribadeo, Club Náutico de Sada, Sadamar, Real Club Náutico de Portosín, Club Náutico Portonovo, Monte Real Club de Yates de Baiona, Juan Carlos I (Sanxenxo), Real Club Náutico de Sanxenxo e Porto Deportivo Pedras Negras (O Grove). A estas 9 instalacións autonómicas súmanse Marina Real, dependente da Autoridade Portuaria da Coruña e o Liceo Marítimo de Bouzas, dependente da Autoridade Portuaria de Vigo.
A Consellería do Mar e Portos de Galicia amosan o seu recoñecemento ante o esforzo realizado polos operadores náuticos para a certificación da calidade das instalacións portuarias autonómicas. Así mesmo, o ente público pon a disposición dos clubs e mariñas xestoras de portos deportivos o seu asesoramento técnico e administrativo para as candidaturas a este galardón.
O impulso á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios na xestión portuaria da Xunta de Galicia, que traballa para que a comunidade consolide a súa posición internacional na primeira liña da calidade de servizos.