Nove concellos recibirán axudas para retirar símbolos franquistas e recuperar memoria democrática

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación da Coruña presentou en Arzúa a resolución provisional dun programa que apoia proxectos de divulgación, homenaxe ás vítimas e sinalización de espazos de memoria
DIPU CORU movemento democratico
3 Jun 2026

A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presentou este mércores en Arzúa a resolución provisional do programa FO208/2026, unha liña de axudas destinada a apoiar proxectos municipais de recuperación da memoria democrática.

A convocatoria conta cunha dotación de case 150.000 euros e, nesta resolución provisional, a Deputación asigna 57.892,33 euros aos nove concellos que presentaron solicitude. Os municipios beneficiarios son A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Camariñas, Mañón, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño, Santa Comba e Valdoviño.

As achegas, que van dos 3.000 aos 10.000 euros segundo os proxectos presentados, financiarán actuacións como a eliminación de simboloxía franquista en espazos públicos, actividades de divulgación sobre a represión, homenaxes ás vítimas, proxectos comunitarios de memoria democrática e sinalización de lugares vinculados a este período histórico.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, defendeu en Arzúa a importancia de que os concellos avancen no cumprimento da lexislación en materia de memoria democrática. Sinalou que aínda permanecen símbolos franquistas en rueiros e espazos públicos e considerou necesario retirar elementos que supoñen unha exaltación da ditadura.

Agra tamén subliñou que recuperar a memoria silenciada durante décadas é 'un acto de xustiza' e destacou o papel das administracións na difusión das historias das persoas que sufriron a represión franquista. Segundo afirmou, estas políticas non consisten só en retirar símbolos, senón tamén en construír coñecemento colectivo e fortalecer os valores democráticos.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, que explicou que o seu municipio recibirá 9.300 euros para desenvolver un proxecto de investigación, difusión e recoñecemento ás mulleres que loitaron ou apoiaron a loita contra o fascismo durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

0.11780500411987