Novas escavacións buscarán desvelar os segredos da Casa da Sinagoga da Cidade Vella

A Casa da Sinagoga da Cidade Vella volverá ser escenario dunha nova intervención arqueolóxica. O Concello da Coruña ultima os preparativos para iniciar as escavacións na planta baixa do edificio, unha actuación que permitirá afondar nas orixes e singularidades deste inmoble histórico e continuar coa súa investigación de cara á futura musealización.
Os traballos, xa adxudicados ao equipo de Simón Pena Basso e cofinanciados polo Ministerio de Industria e Turismo, darán continuidade ás sondaxes realizadas hai dous anos. O obxectivo é comprobar a relevancia dos restos arqueolóxicos que se presume que existen nesta zona da casa, adquirida polo Concello no anterior mandato para incorporala ao patrimonio municipal.
Antes da escavación executararanse actuacións de estabilización da estrutura, ademais da instalación de tubaxes provisionais para recoller as augas pluviais do patio. Posteriormente levarase a cabo a intervención arqueolóxica nunha superficie de 104 metros cadrados, que será escavada por niveis estratigráficos para documentar con precisión os posibles achados.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que esta actuación permitirá avanzar no plan de revitalización do patrimonio da Cidade Vella e ampliar o coñecemento sobre a evolución histórica do corazón da cidade.
A intervención conta cun investimento superior aos 50.000 euros e forma parte das accións impulsadas polo Concello para conservar e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da Coruña.