Nova protesta na Seguridade Social para reclamar máis persoal e o cumprimento dos acordos

CCOO, CSIF, UGT e CIG iniciarán este mércores 17 de xuño un calendario de mobilizacións na Seguridade Social para reclamar o cumprimento dos acordos asinados coa Administración e denunciar a falta de avances na modernización do organismo.
En Galicia, a primeira protesta celebrarase diante da Dirección Provincial do INSS da Coruña, situada na rúa Camilo José Cela, número 16. A concentración terá lugar entre as 11.00 e as 11.30 horas, coincidindo con mobilizacións noutras direccións provinciais e servizos centrais do Estado.
As organizacións sindicais denuncian o incumprimento do acordo subscrito o 16 de maio de 2023 entre a Administración e a representación do persoal. Tamén critican que sigan sen aplicarse medidas aprobadas recentemente para a Administración Xeral do Estado, como a adaptación da xornada e dos calendarios laborais.
Entre as principais demandas figuran a cobertura de vacantes, a reorganización do organismo, o rexuvenecemento dos cadros de persoal, a estabilización do emprego, a mobilidade, o teletraballo, a formación, a prevención de riscos laborais e a promoción profesional.
Os sindicatos advirten de que a falta de efectivos e o envellecemento dos cadros de persoal están a provocar un aumento das cargas de traballo e un deterioro das condicións laborais. Ademais, sosteñen que esta situación repercute directamente na calidade da atención que recibe a cidadanía.
As mobilizacións continuarán mentres o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións non adopte medidas para garantir un servizo público moderno, eficaz e con recursos suficientes.