Noites do Porto arranca o luns con concertos esgotados e dúas semanas de música pola Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
Xoel López, The Horrors, María José Llergo, Curtis Harding ou Monsieur Periné protagonizan unha edición que suma arte, sesións en bares e unha gran noite de San Xoán no peirao de Batería
A CORUÑA noites no porto
21 Jun 2026

Noites do Porto iniciará o vindeiro luns 22 de xuño a súa sexta edición cunha programación que se estenderá ata o 5 de xullo por dez espazos da Coruña. O festival combinará grandes nomes internacionais, artistas galegos, concertos exclusivos en Galicia, exposicións e sesións especiais en bares da cidade.

A primeira cita será no Jazz Filloa co directo de Lela Soto, que xa ten as entradas esgotadas. Tamén colgou o cartel de 'sold out' Curtis Harding, que actuará o 30 de xuño no Inn Club.

Un dos momentos máis especiais chegará na noite de San Xoán, o martes 23 de xuño, co concerto de Xoel López e Caamaño&Ameixeiras no peirao de Batería. A velada comezará ás 21.00 horas e combinará música en directo cunha proposta gastronómica tradicional con sardiñas e churrasco.

O cartel inclúe tamén nomes como Barry B, Vera Fauna, COTI, Monsieur Periné, The Horrors, La Tania, Gitano de Palo, ELLiS·D, Apolo18, Nadadora, Sudden Ray of Hope, María José Llergo e Myele Manzanza, que pechará o festival o 5 de xullo cun dobre pase no Jazz Filloa en homenaxe ao 45 aniversario do local.

A edición deste ano reforza ademais as súas actividades paralelas. 'Noites coa Arte' xa abriu no Bar B unha exposición con obras de once creadores locais que reinterpretan visualmente as xornadas musicais do festival. A mostra poderá visitarse ata o 5 de xullo.

Outra das novidades será 'Noites nos Bares', con sesións temáticas en locais como Rosmón Burger, Os Tigres Rabiosos, Bristol Bar, Ummagumma, Calvario Vintage e Don Giorgio. Entre as propostas destaca a participación de Bristol Northern Soul Club.

Noites do Porto está organizado por MASGALICIA e conta co apoio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e Concertos do Xacobeo, e Estrella Galicia. As entradas están dispoñibles na web oficial do festival.

PROGRAMACIÓN

0.12273097038269