Néstor Rego urxe ao Congreso información do curso das axudas aos mariscadores da Ría do Burgo

ACoruñaXa
As actuacións de dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo finalizarán por completo no mes de abril, despois se procederá á sementeira do marisco, que non poderá ser colleitado ata dentro dun período de entre 18 e 24 meses
Néstor Rego - Deputado Congreso BNG
22 Mar 2024

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego Candamil, presentou dúas preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas á urxencia do mantemento das axudas aos mariscadores e mariscadoras na Ría do Burgo en Culleredo (A Coruña).

A primeira, se o Goberno central negociará e coordinará o Ministerio coa Xunta de Galiza para chegar a un acordo que permita o mantemento das medidas compensatorias estabelecidas na actualidade para o sector marisqueiro da Ría do Burgo ata a recuperación íntegra da capacidade produtiva tras a sementeira do marisco nos bancos cando terminen as obras de rexeneración, isto é durante os próximos 24 meses. E, a segunda, se o Ministerio vai asumir o mantemento de ditas axudas.

As actuacións de dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo finalizarán por completo no mes de abril, momento no que se procederá á sementeira do marisco coas catro especies de marisco propias deste espazo: berberechos e tres variedades de ameixa.

Con todo, será necesario esperar un período de entre 18 e 24 meses para que se restaure a capacidade produtiva e as persoas traballadoras no marisqueo poidan volver a exercer o seu traballo. Co cal, o sector deberá agardar un mínimo de ano e medio ata poder normalizar a situación e retomar a obtención de ingresos derivados da actividade marisqueira, agora interrompida polas obras de dragaxe.

Por iso, dende o BNG, ben que cada vez máis urxente adoptar unha decisión firme, antes de que remate o mes de abril e que volvan producirse cruzamentos de responsabilidades entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e a Xunta da Galiza sobre cal debe ser a administración responsábel de asumir o custo do mantemento axudas e que, mentres tanto, as e os traballadores queden sen ingreso ningún.

Por todo iso, os mariscadores reclaman ao Ministerio e á Xunta entendemento e colaboración para, mediante un novo convenio, manter as axudas que cubra aos mariscadores desde que se realice a sementeira de bivalvos até que estes alcancen o tamaño comercial regulamentario para poder extraelos e a confraría poida retomar a súa actividade, isto é, 24 meses.

Dende o BNG ven lóxico é que as axudas se estendan ao ciclo completo, lográndose a normalización da capacidade produtiva e a recuperación da actividade económica en condicións.

Os nacionalistas galegos sinalan que xa preguntaron en dúas ocasións anteriores sobre este tema, pero o Ministerio non facilitou a información requirida, neste momento urxe, cada vez máis claridade e mantemento do compromiso por parte do Goberno do Estado.

Polos motivos expostos, o BNG formula as seguintes preguntas ao Goberno:
1. Negociará e coordinará o Ministerio coa Xunta de Galiza para chegar a un acordo que permita o mantemento das medidas compensatorias estabelecidas na actualidade para o sector marisqueiro da Ría do Burgo ata a recuperación íntegra da capacidade produtiva tras a sementeira do marisco nos bancos cando terminen as obras de rexeneración, isto é durante os próximos 24 meses?
2. Vai asumir o Ministerio o mantemento das axudas?

 

0.11644983291626