'Nailía' e 'La soledad de los reptiles' triunfan no Premio Torrente Ballester 2024

ACoruñaXa
As obras de Loli Rodríguez e Antonio Bonet de Luna recibirán 15.000 euros e serán publicadas pola Deputación da Coruña
Premio Torrente Ballester
28 Nov 2024

O XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, xa ten gañadores. As novelas “Nailía”, da ribasilense Loli Rodríguez, en lingua galega, e “La soledad de los reptiles”, do madrileño Antonio Bonet de Luna, en lingua castelá, súmanse ao palmarés dun dos certames literarios máis prestixiosos do panorama nacional. Ademais, o xurado declarou finalista en castelán a obra “Silbidos en las cumbres”, do escritor tudense Diego Alfonsín Rivero.

As obras gañadoras foron seleccionadas entre un total de 170 propostas recibidas, 66 en galego e 104 en castelán. Os autores recibirán un premio de 15.000 euros cada un e verán publicadas as súas novelas pola propia Deputación.

O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, contou coa participación de escritores e escritoras de renome. Na categoría en galego, formaron parte do comité avaliador César Lorenzo (gañador en 2023), Sica Romero, Marta Villar, Brais Lamela e María Rei Vilas, mentres que na modalidade en castelán participaron Anna Blasco Rovira e Jesús M. Antón (gañadores en 2023), María Sánchez, Xacobe Pato e María Salgado.

Sobre as obras premiadas, o xurado destacou que “Nailía” combina unha narración áxil cun estilo clásico e unha perspectiva moi actual. Subliñouse especialmente a representación de mulleres diversas, as imaxes poéticas e a fluidez dos diálogos. Pola súa parte, “La soledad de los reptiles” foi valorada como unha obra arriscada, profunda e memorable, que afonda no sentimento de perda e reflicte o lugar que cada individuo ocupa na sociedade.

Ademais de destacar a calidade literaria das novelas gañadoras, o xurado decidiu recoñecer como finalista en castelán a obra “Silbidos en las cumbres”, do tudense Diego Alfonsín Rivero, pola súa proposta narrativa innovadora e o seu coidado uso da linguaxe.

Sobre os galardoados:

Loli Rodríguez (Torbeo, Ribas de Sil, 1964) é mestra de profesión e traballa no Hospital Meixoeiro. Publicou a súa primeira novela, Os nomes de Val, en 2023, consolidándose como unha das novas voces da narrativa galega.

Antonio Bonet de Luna (Madrid, 1970), con formación en Empresariais, Filoloxía Inglesa e Dirección Cinematográfica, ten unha ampla traxectoria no ámbito audiovisual como guionista e director. As súas curtametraxes, como Clases de ruso e Las viandas, acadaron éxito internacional con máis de 250 seleccións en festivais e 40 premios en dez países. “La soledad de los reptiles” marca o seu debut como novelista.

Diego Alfonsín Rivero (Tui, 1980) é profesor de lingua galega no ensino secundario e escritor consolidado con recoñecementos como o premio Miguel de Unamuno (2015) pola novela Lenta Demolición e o premio Lueiro Rey (2017) por Non o saben as estrelas.

0.16189503669739