Nace na UDC a spin off 'MFES' dedicada á biomecánica do movemento humano

ACoruñaXa
Un equipo de investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI expertos en biomecánica funha 'Motion and Force Engineering Solutions', empresa dedicada á biomecánica do movemento humano e as súas aplicacións
Equipo da spin off funda Motion and Force Engineering Solutions
15 Feb 2024

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial da Universidade da Coruña en Ferrol ábrese a novos horizontes co lanzamento da spin-off Motion and Force Engineering Solutions (MFES). Esta iniciativa empresarial xorde como froito do coñecemento especializado e dos resultados de investigación do persoal do LIM. O seu proxecto emprendedor nace co obxectivo principal de transferirlle á sociedade o coñecemento académico en forma de produtos innovadores, servizos e proxectos personalizados, vinculados todos eles á biomecánica do movemento humano.

Promovida polos investigadores Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, baixo a iniciativa do enxeñeiro emprendedor Alejandro Vázquez, a Motion and Force Engineering Solutions representa un fito significativo na traxectoria do LIM. Posibilita converter os resultados de investigación obtidos no campo da biomecánica do movemento humano en aplicacións prácticas para a sociedade. A misión da spin-off MFES é mellorar a calidade de vida das persoas mediante o desenvolvemento de solucións personalizadas. Os seus esforzos céntranse nunha ampla variedade de áreas que inclúen o sector sanitario, deportivo, laboral e automotriz, entre outros.

As principais áreas de especialización de MFES son estas:

• Rexistro e avaliación da marcha e outros movementos humanos.
• Modelaxe e simulación do sistema musculoesquelético.
• Aplicacións de sensorización para análises biomecánicas.
• Deseño e avaliación de dispositivos para asistencia e exercicio.

A spin-off pon ao dispor do tecido industrial sanitario e as empresas vinculadas aos sectores do deporte e a saúde a súa experiencia investigadora. Ofrece servizos de tecnoloxía avanzada para a captura do movemento humano co valor engadido de proporcionar retroalimentación biolóxica (biofeedback) en tempo real a quen use ou supervise o tratamento terapéutico. E aínda que MFES está especializada na biomecánica do movemento humano, tamén ofrece servizos destinados á captura e análise do movemento animal para facilitar a aplicación e o desenvolvemento de solucións terapéuticas no ámbito da traumatoloxía veterinaria.

A filial do LIM aposta pola diversificación de servizos co obxectivo de ampliar a súa área de negocio cara a outros ámbitos, como o sector do entretemento (captura do movemento humano para a súa aplicación en videoxogos), o laboral (estudos de ergonomía laboral) ou o sector dos seguros (análise forense), entre outros.

Co apoio estratéxico da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC, Motion and Force Engineering Solutions, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, sitúase como unha ponte fundamental entre a academia e a sociedade. O lanzamento de MFES representa un novo capítulo do compromiso do LIM e do CITENI coa innovación e o desenvolvemento tecnolóxico

0.18980884552002