Un libro repasa medio século de loitas ambientais arredor de ADEGA

ADEGA presentou este mércores 22 de abril, coincidindo co Día Mundial da Terra, o libro 'ADEGA: 50 anos coidando a terra', unha publicación que percorre a historia da asociación e, ao tempo, reconstrúe medio século de ecoloxismo galego. O acto desenvolveuse no Círculo de Artesáns da Coruña coa participación do presidente da entidade, Manuel Soto, e da deputada provincial de Medio Rural e Mar, Cristina Capelán.
A obra nace no marco das actividades conmemorativas do 50 aniversario de ADEGA e foi coeditada pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración co colectivo ecoloxista. Ese acordo provincial incluíu, ademais do libro, a elaboración dun documental audiovisual e unha exposición itinerante sobre a traxectoria da organización e os desafíos ambientais actuais.
Segundo explicou a entidade, esta é a primeira publicación centrada en describir o percorrido do ecoloxismo galego no último medio século. O volume reúne 25 artigos ao longo de 270 páxinas e combina o testemuño de persoas que participaron nos primeiros anos de ADEGA con análises sobre cuestións como a enerxía, os ríos, os residuos, a minaría, a eucaliptización ou a conservación da biodiversidade. A edición impresa consta de 700 exemplares e a asociación prevé poñer o contido a disposición do público en formato dixital nas vindeiras semanas.
Durante a presentación, Manuel Soto puxo o foco no valor da obra como exercicio de memoria colectiva e tamén como ferramenta de reflexión nun momento de crise ambiental global. Pola súa banda, Cristina Capelán salientou o papel de ADEGA como referente da mobilización ecoloxista en Galiza e da sensibilización social en defensa do territorio. O libro chega así cun dobre obxectivo: facer balance de cinco décadas de activismo e abrir o debate sobre os desafíos ambientais do presente e do futuro.