Música tradicional, artesanía e comida popular para celebrar o Día da Muller Rural en Culleredo

A música tradicional, a artesanía e a gastronomía serán protagonistas o próximo sábado 17 de outubro no parque da Torre de Celas, que acollerá a celebración do Día da Muller Rural en Culleredo. A xornada, organizada polo Concello coa colaboración da asociación As Berenguelas, busca poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento e na vida do rural.
A programación comezará ás 13.00 horas cunha serie de actuacións musicais nas que participarán Pan sen Fron, Xilbatuxeiras, Larpeiros de Altamira e Cantares dos Pendellos. Unha vez rematadas as actuacións previstas, a música continuará cunha foliada libre aberta á participación das persoas asistentes.
A celebración contará tamén con postos de artesanía, completando unha proposta na que a cultura tradicional terá un papel central. Ademais, o evento desenvolverase nun recinto cuberto, polo que a programación poderá manterse con independencia das condicións meteorolóxicas.
Comida popular por 13 euros
Outro dos momentos destacados da xornada será a comida popular, para a que é necesario adquirir previamente o tícket. O menú terá un prezo de 13 euros e incluirá paella, con opción mixta ou vegana, empanadilla, tarta de Santiago e pan, ademais de viño ou auga.
As reservas estarán abertas ata o xoves 15 de outubro e poden realizarse a través do teléfono 622 347 788.
A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, sinalou que a celebración pretende recoñecer o papel das mulleres que contribúen a manter vivo o rural, especialmente nun ámbito no que moitas veces ese traballo permanece nun segundo plano.
A cita enmárcase na conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebra cada 15 de outubro. En Culleredo, a programación trasladará esa celebración ao seguinte sábado cunha proposta que combina música, tradición, artesanía e convivencia arredor da Torre de Celas.