Música, polbo e solidariedade únense en O Burgo para apoiar ás persoas con ELA

A explanada de O Burgo acollerá este domingo, 21 de xuño, unha comida popular solidaria organizada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) con motivo do Día Mundial da ELA. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Culleredo e busca dar visibilidade á enfermidade, ademais de recadar fondos para apoiar ás persoas afectadas e ás súas familias.
A xornada comezará ás 12.00 horas cunha sesión vermú amenizada por Mon Services. Ás 13.00 horas dará inicio a comida popular, a cargo da Pulpeira de Camariñas, con tapas de polbo e churrasco. Parte do importe de cada consumición destinarase integramente a AGAELA.
A música en directo será outro dos grandes atractivos da cita. O grupo Gremlins actuará ás 14.00 horas e, xa pola tarde, ás 16.00 horas, será a quenda de Aires de Sigrás.
Ademais, ás 15.00 horas celebrarase un sorteo solidario entre as persoas que adquiran rifas durante a xornada. Os premios foron doados por establecementos locais e inclúen experiencias gastronómicas, tratamentos capilares, cestas de produtos e packs de viño, entre outras propostas.
Durante todo o día haberá servizo de barra con bebidas e unha carpa instalada coa colaboración da Agrupación Folclórica Ancoradoira e do Concello de Culleredo.