Multas en Miño por empregar farois e colectores como soporte publicitario

ACoruñaXa
O Concello sanciona con 300 euros dúas empresas por colocar carteis sen autorización e advirte de que continuará vixiando estas prácticas
MIÑO multa carteis publicitarios
26 Jun 2026

O Concello de Miño sancionou dúas empresas pola colocación non autorizada de carteis e elementos publicitarios no espazo público. As multas responden ao incumprimento da Ordenanza reguladora da convivencia cidadá, que prohibe instalar este tipo de publicidade sen permiso municipal.

Unha das sancións afecta a unha empresa promotora dunha feira gastronómica celebrada na praza do Parchís, multada con 300 euros tras as actas de denuncia levantadas pola Policía Local. A segunda corresponde a un espectáculo de circo, tamén pola colocación irregular de publicidade na vía pública.

O Goberno local lembra que estas actuacións están tipificadas como infracción grave no artigo 15.2 da ordenanza municipal, que prohibe expresamente colocar carteis, pancartas ou elementos similares sen autorización.

O Concello aproveita a resolución dos expedientes para facer un chamamento ao civismo, especialmente durante o verán, cando aumenta a promoción de eventos e tamén a presenza de carteis en farois, colectores e mobiliario urbano.

Desde a administración municipal advirten de que retirar estes materiais supón un gasto de diñeiro público e obriga a destinar recursos a tarefas de limpeza extraordinarias que poderían evitarse. A Policía Local continuará vixiando estas prácticas e tramitará novas sancións cando se detecten incumprimentos.

0.12042117118835