Mulleres Rurais Virxe do Rosario: case 33 anos tecendo comunidade en Vilarmaior

ACoruñaXa | FerrolXa
A asociación, que conta con máis de 100 socias, organiza actividades durante todo o ano, desde labores e manualidades ata excursións e encontros gastronómicos
VILARMAIOR asociación mulleres rurais virxe do rosario
De esquerda a dereita: Janet Rodríguez (presidenta) e Estelita Fernández (vicepresidenta)
21 Nov 2026

A Asociación Mulleres Rurais Virxe do Rosario leva case 33 anos promovendo a convivencia, o encontro e a participación das mulleres de Vilarmaior. Fundada en 1993, a entidade conta actualmente con 109 socias e mantén unha programación de actividades ao longo de todo o ano, que vai desde os labores e as manualidades ata os xogos de mesa, as excursións ou as reunións gastronómicas.

A presidenta da asociación, Janet Rodríguez, leva oito anos á fronte da entidade, acompañada pola vicepresidenta, Estelita Fernández. A directiva encárgase de organizar as actividades, xestionar as contas, coordinar as reunións e manter o funcionamento dunha asociación que se converteu nun punto de encontro para moitas veciñas da localidade.

Entre as propostas habituais están as actividades de costura e manualidades, así como o teatro e diferentes xogos de mesa. As cartas teñen un papel especialmente destacado, xa que forman parte dunha tradición que continúa moi presente entre as socias. Tamén se organizan excursións, comidas e encontros para compartir tempo e manter os vínculos entre as participantes.

'Facemos excursións, a xente tamén colabora moito e facemos comidas. Dúas comidas ao ano facémolas sempre', explica Janet Rodríguez. O Concello de Vilarmaior facilita á asociación os espazos municipais para que poida desenvolver as súas actividades, unha colaboración que resulta fundamental para o funcionamento da entidade.

Unha asociación que mantén viva a convivencia

A programación inclúe tamén celebracións especiais ao longo do ano. Unha das máis destacadas é a festa de Nadal, na que as socias levan doces, tortillas, pizzas e diferentes produtos para compartir. Nos últimos anos recuperouse, ademais, o concurso de sobremesas, que permite premiar as elaboracións máis destacadas.

'Cada socia trae un postre e damos un detalle a modo de agradecemento', conta a presidenta. A celebración, que tradicionalmente incluía un concurso, recuperou o ano pasado esta fórmula para animar as participantes a preparar as súas propias elaboracións. Os tres mellores doces escóllense por votación entre as persoas que os proban.

Estas reunións serven para reforzar a convivencia e ofrecer un espazo de ocio e socialización, especialmente importante para as mulleres que viven en zonas rurais e que, en moitos casos, atopan na asociación unha oportunidade para saír da casa, relacionarse e compartir experiencias.

'Para xuntarnos, para ter máis contactos, para reunirnos. Moitas non nos vemos durante todo o ano', resume Estelita ao explicar a importancia destes colectivos.

Ao longo da súa historia, a entidade tamén promoveu actividades como pilates ou ximnasia de mantemento. Estas propostas tiveron que deixar de organizarse debido ao elevado número de participantes e ao custo que supoñían, especialmente polo gasto mensual que implicaba a contratación das actividades.

A asociación tamén desenvolveu iniciativas culturais e teatrais con apoio económico de subvencións, que permitiron financiar diferentes proxectos. Porén, a directiva sinala as dificultades actuais para acceder a estas axudas, o que limita a capacidade de organizar novas actividades.

O reto de conseguir financiamento

O funcionamento da asociación depende fundamentalmente das cotas das socias, que pagan 25 euros ao ano, así como dos ingresos procedentes de comidas, da lotaría de Nadal e de pequenas achegas ou iniciativas que van promovendo.

'Vamos contando céntimo a céntimo', explica Janet Rodríguez ao falar dos recursos cos que conta a entidade. A presidenta lamenta que as asociacións sen ánimo de lucro teñan cada vez máis dificultades para acceder ás subvencións, especialmente cando os requisitos esixen contar cunha persoa contratada durante todo o ano. 'Unha asociación sen ánimo de lucro non vai ter un monitor contratado todo o ano', apunta, ao explicar unha das razóns polas que decidiron deixar de ofrecer pilates e ximnasia de mantemento, unhas actividades que agora organiza o Concello de Vilarmaior.

Estes recursos permiten afrontar os gastos habituais da entidade, entre eles os relacionados coa xestoría e as comisións bancarias. A falta de financiamento externo dificulta, con todo, ampliar a programación ou recuperar algunhas das actividades que se desenvolveron no pasado.

A vida no rural, entre a tranquilidade e as dificultades

As integrantes da asociación destacan a tranquilidade, a proximidade entre veciños e o contacto coa natureza como algúns dos aspectos máis positivos de vivir en Vilarmaior. 'Para min vivir no rural é como unha paz, unha tranquilidade. O pobo é como se fose unha familia', explica Janet Rodríguez, que destaca que a proximidade permite coñecer as persoas que viven ao redor e manter unha relación máis estreita coa veciñanza.

'Saes a pasear, encontras con un, falas con un, falas con outro', engade. A presidenta considera que esa convivencia é unha das principais diferenzas respecto da vida nas cidades, onde, segundo apunta, é máis habitual non coñecer as persoas que viven no mesmo edificio. A proximidade con cidades como Ferrol e A Coruña permite, ademais, acceder a outros servizos e oportunidades sen renunciar á vida nun entorno rural.

A asociación tamén considera que as mulleres do rural teñen cada vez máis oportunidades, especialmente grazas ás novas tecnoloxías e ao teletraballo, que permiten desenvolver determinadas actividades profesionais sen necesidade de vivir nunha cidade.

O relevo xeracional, unha das principais preocupacións

A media de idade das socias ronda os 70 anos e a incorporación de mulleres máis novas continúa sendo un dos principais retos da entidade. As responsabilidades laborais e familiares, así como as dificultades para participar nas actividades durante os meses de inverno, condicionan a asistencia.

Estelita Fernández, vicepresidenta da asociación, lembra que a participación e a unión entre as socias eran maiores noutras épocas. 'Antes penso que estábamos máis unidas, que había máis unión, que se facían máis cursos e participaban máis', recorda.

A directiva considera que a idade das integrantes e a falta de relevo dificultan tamén a organización de novas propostas. 'Hai moi pouca xente nova para meterse na directiva, para facer cursos, para dar clases', sinala Janet Rodríguez.

A choiva, a falta de luz e a necesidade de desprazarse en coche tamén inflúen na participación, especialmente entre as socias de maior idade. A presidenta explica que, en ocasións, as actividades que se solicitan durante as reunións non terminan de consolidarse cando chega o momento de poñelas en marcha.

Sen embargo, a asociación continúa apostando por manter a súa programación e por ofrecer novas oportunidades de encontro ás veciñas de Vilarmaior. Entre os seus obxectivos está seguir organizando actividades que permitan compartir tempo, aprender e desfrutar xuntas, así como animar a máis mulleres a formar parte da entidade.

A mirada está posta tamén no futuro, coa vontade de que a asociación continúe activa nos próximos anos e siga sendo un lugar de referencia para as mulleres da localidade. 'Que sigan as actividades, que veña máis xente e que haxa máis actividades', resume Janet Rodríguez ao falar dos seus desexos para a entidade.

Case 33 anos despois da súa creación, Mulleres Rurais Virxe do Rosario continúa demostrando que o valor dunha asociación vai máis alá da súa programación: está nos encontros, nas amizades que se crean e na oportunidade de compartir momentos que contribúen a manter viva a comunidade rural de Vilarmaior.

0.17758417129517