Móvete+ regresa a Oleiros con máis días de actividade física para mulleres que afrontan un proceso oncolóxico

O programa Móvete+ regresará este mes de setembro a Oleiros cunha nova edición destinada a mulleres empadroadas no municipio que están a atravesar ou xa atravesaron un proceso oncolóxico. Nesta ocasión, a iniciativa amplía a súa programación a dous días por semana, os martes e venres, entre o 15 de setembro e o 15 de decembro.
A proposta busca mellorar a calidade de vida das participantes a través de exercicio físico adaptado ás necesidades de cada persoa. As actividades están orientadas a contribuír á redución dalgúns efectos asociados aos tratamentos, como a fatiga ou as alteracións do sono.
Ademais dos beneficios físicos, Móvete+ pretende favorecer o benestar emocional, a autoestima e as relacións sociais, ofrecendo tamén un espazo de encontro e apoio entre as mulleres participantes.
As sesións desenvolveranse de 11.00 a 12.30 horas na Casa da República e na Pista de Meixonfrío. A participación é completamente gratuíta.
Para incorporarse ao programa será necesario presentar un informe médico que permita adaptar as actividades ás características e necesidades de cada participante.