Monte Alto recupera a memoria da resistencia antifranquista cun roteiro polos lugares da represión

Monte Alto acolleu este domingo a terceira edición do Roteiro da Memoria Cívica, unha iniciativa incluída na programación das festas do barrio que busca recuperar e divulgar a historia da resistencia antifranquista e das vítimas da represión na Coruña.
O percorrido estivo guiado por Carlos Ares e contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, do historiador Rubém Centeno e de integrantes do colectivo de expresas e expresos políticos da Coruña.
A actividade comezou diante do Monumento aos Irmáns da Lexía e continuou ata a contorna do antigo cárcere provincial de Monte Alto. Ao longo do itinerario, as persoas participantes achegáronse a diferentes episodios relacionados coa represión franquista na cidade e coa traxectoria de persoas que defenderon a legalidade democrática e acabaron sufrindo prisión, persecución, exilio ou morte.
Durante o acto, Gonzalo Castro reivindicou a importancia de manter viva a memoria democrática e asegurou que iniciativas deste tipo permiten coñecer a historia da cidade desde a perspectiva das persoas que padeceron a ditadura.
O concelleiro tamén puxo de manifesto o compromiso do Goberno municipal coa investigación e reparación das vítimas. Neste sentido, lembrou diferentes actuacións desenvolvidas polo Concello, entre elas o estudo impulsado polo Instituto José Cornide que permitiu identificar máis de 140 traballadoras e traballadores municipais represaliados durante a ditadura.
Entre as iniciativas municipais tamén mencionou as homenaxes dedicadas a figuras como Joaquín Martín Martínez e Alfredo Suárez Ferrín, así como os traballos destinados á declaración de diferentes espazos da Coruña como Lugares de Memoria Democrática.
A Casa Museo Casares Quiroga, como espazo para a memoria
Gonzalo Castro destacou igualmente o papel da Casa Museo Casares Quiroga dentro das políticas municipais de memoria democrática. O obxectivo do Concello, segundo explicou, é converter este espazo nun punto de encontro para as asociacións memorialistas, a investigación histórica, a divulgación e a participación cidadá.
A terceira edición do roteiro pechouse cunha reivindicación da continuidade destas iniciativas e da incorporación da memoria democrática ao espazo público da cidade.
A organización e os participantes defenderon así a importancia de coñecer os episodios de represión vividos na Coruña e de preservar o seu recordo como parte da historia da cidade, mantendo o foco nas vítimas e no coñecemento histórico.