Miño xa completou o 84 % do seu plan de mellora de camiños nas parroquias do municipio

O Concello de Miño segue avanzando no seu programa de reparación e reafirmado de camiños distribuídos polas diferentes parroquias do municipio. Do total de 31 intervencións planificadas, o Goberno local xa deu por rematadas 26, o que supón un grao de execución do 84 %. O custo conxunto previsto para levar a cabo todas as obras ascende a 800.000 euros.
Os traballos máis recentes centráronse na parroquia de Perbes, onde se mellorou o firme de catro camiños durante os últimos días. En concreto, as cuadrillas municipais interviñeron na baixada cara a Fonte da Leira, no treito que une Pena de Abaixo con Cruz, nunha vía situada no núcleo de O Bollo e na pista que discorre en paralelo ás vías do tren entre Nigrofe e San Xoán.
Con estas catro actuacións xa rematadas, ao Executivo local réstanlle outras cinco obras para dar por concluído o plan na súa totalidade. Dúas delas desenvolveranse na parroquia de Carantoña: unha na contorna de A Sapeira e outra no vial que conecta Entre Camiños con Chao do Monte. As tres restantes sitúanse na zona de Sombreu/Miño, onde xa se está a traballar na mellora da rúa Marismas, dun treito do Camiño Real e doutro tramo que afecta á estrada AC-160 e ao seu ramal, ao seu paso por Sombreu.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, confía en que estas últimas intervencións poidan levarse a cabo "en breve" e salientou que cada vez queda menos para culminar un conxunto de actuacións que, segundo explicou, "contribuirán á mellora das comunicacións en todas as parroquias miñenses e á comodidade e seguridade de todos os veciños e veciñas".