Miño será o segundo concello con máis Sendeiros Azuis na provincia este 2025

Miño celebra con orgullo a concesión do distintivo de Sendeiro Azul á Senda das Marismas do Baxoi, un recoñecemento outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Este logro vén reforzar a posición do municipio como un dos destinos de referencia no turismo sostible e o respecto polo medio ambiente. Con esta distinción, Miño suma tres Sendeiros Azuis, xunto á Senda dos Sentidos e a Senda dos Muiños do río Xarío.
Este avance sitúa a Miño como o segundo concello con máis Sendeiros Azuis na provincia de A Coruña, un mérito significativo tendo en conta que as primeiras distincións foron recibidas en 2024. Só Oleiros, que conta con catro sendas recoñecidas, supera a Miño neste ámbito, consolidando así a provincia como un exemplo na promoción do turismo sostible e a conservación do seu patrimonio natural.
As rutas recoñecidas destacan pola súa alta calidade ambiental, accesibilidade e riqueza paisaxística, valores que se traducen nunha experiencia única para os seus visitantes. A nova Senda das Marismas do Baxoi, situada nun enclave natural privilexiado, permitirá gozar da beleza das marismas locais, un ecosistema cheo de biodiversidade que pon en valor a importancia de protexer o medio ambiente.
Desde o Concello de Miño agradecen a implicación de ADEAC e o esforzo conxunto de asociacións locais, veciños e voluntarios que colaboraron na conservación e mantemento das sendas. Este traballo colectivo reflicte o compromiso da comunidade coa sustentabilidade e a promoción dun desenvolvemento equilibrado e respetuoso.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que a concesión dunha terceira Sendeiro Azul é un reflexo da aposta decidida por un futuro máis verde e accesible. "Estamos a poñer en valor o noso patrimonio natural como un atractivo turístico de calidade, mantendo sempre o respecto polo medio ambiente. Seguiremos traballando para mellorar a nosa rede de rutas e ampliar as oportunidades de desfrutar da nosa riqueza natural", sinalou.
O concello xa está a planificar novas iniciativas para seguir ampliando e mellorando a súa oferta de sendeiros, enfocándose na protección dos espazos naturais e no fomento dun turismo sostible. Con esta visión, Miño convida a todos os visitantes a descubrir e gozar da súa riqueza paisaxística, promovendo ao mesmo tempo unha maior concienciación ambiental.