Miño reúne a 400 persoas para seguir a eclipse solar desde o Parque das Idades

ACoruñaXa
O acto central de observación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas completou o aforo máximo con divulgación científica, telescopios e actividades para todos os públicos
MIÑO biosfera eclipse
12 Aug 2026

O Parque das Idades de Miño converteuse este mércores nun dos puntos de referencia para seguir a eclipse solar total. O acto central organizado pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, destino oficial Starlight, reuniu 400 persoas, o máximo de asistentes previsto pola organización.

A actividade comezou ás 18.00 horas e estivo deseñada como unha xornada de divulgación e observación segura do fenómeno astronómico. As persoas asistentes puideron seguir as diferentes fases da eclipse a través de pantallas xigantes, ademais de dispoñer de telescopios solares e puntos de observación supervisados.

A organización tamén facilitou gafas homologadas para contemplar o fenómeno coas garantías necesarias, evitando que os asistentes tivesen que recorrer a sistemas de observación non adecuados.

Ciencia e actividades para toda a familia

A xornada non se limitou á observación da eclipse. O programa incluíu diferentes propostas de divulgación científica e actividades dirixidas ao público infantil, xunto con animación para acompañar a espera ata o momento da totalidade.

A oferta completouse con propostas gastronómicas elaboradas con produtos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, integrando a observación astronómica coa promoción do territorio e dos seus produtos.

O encontro contou coa colaboración do Concello de Miño e permitiu ás persoas asistentes gozar do fenómeno desde un espazo preparado especificamente para a ocasión.

Ata o Parque das Idades desprazáronse o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o vicepresidente da entidade, Sergio Platas.

A elevada participación converteu a cita de Miño nun dos principais puntos de encontro da Reserva durante unha xornada na que numerosos municipios da comarca organizaron actividades para contemplar unha eclipse solar total especialmente agardada.

0.080747127532959