Miño resolve o contrato do SAF coa concesionaria tras acumularse incidencias no servizo

O Concello de Miño acordou a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa empresa que viña prestando a atención a domicilio, unha medida que o goberno local xustifica pola ‘inxente’ cantidade de incidencias rexistradas desde a entrada en vigor do novo contrato e coa intención de protexer os dereitos e a dignidade das persoas usuarias.
Segundo trasladou o consistorio, a rescisión foi pactada entre as dúas partes logo de múltiples reunións e permitirá acelerar os trámites administrativos necesarios para que unha nova empresa poida asumir o servizo canto antes.
O anuncio chega despois de semanas de polémica arredor do SAF. En decembro, o Concello xa advertira de deficiencias na organización e no funcionamento da nova concesionaria e asegurara que iniciaría actuacións legais e administrativas para depurar responsabilidades e aplicar sancións, co obxectivo de recuperar a normalidade e garantir un servizo ‘digno e de calidade’.
Tamén a representación sindical da CIG denunciou ‘graves e continuos’ incumprimentos, tanto no ámbito laboral como na atención ás persoas usuarias, citando, entre outras cuestións, recortes de horas de atención, problemas de coordinación, supostos erros en nóminas e incumprimentos de subrogación, ademais de persoal sen acreditación profesional.
Hai só uns días, estas críticas derivaron en mobilizacións e protestas no municipio para reclamar medidas inmediatas e unha maior supervisión do contrato.