Miño reforza os Servizos Sociais cunha partida de 54.641 euros
O Concello de Miño aprobou hoxe, venres 10 de xaneiro, en pleno extraordinario, a súa proposta de participación no Plan Único Adicional 1/2025 da Deputación da Coruña. Mediante esta iniciativa, destinaranse 54.641 euros para reforzar a área de Servizos Sociais municipal.
Con esta partida, o goberno local pretende continuar fortalecendo un dos departamentos que maior carga de traballo soporta no día a día. A inversión permitirá dotar os Servizos Sociais de máis recursos, tanto humanos como materiais, para mellorar a atención á cidadanía. “Para os veciños e veciñas isto traducirase en que poderán ter un mellor servizo, cunha atención máis áxil e rápida”, destacou o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, quen subliñou que “é unha área esencial e a nosa idea é seguir dotándoa dos recursos necesarios para responder á demanda da cidadanía”.
Este reforzo supón un paso máis no compromiso do Concello de Miño por garantir servizos sociais de calidade e adaptados ás necesidades reais da poboación local.