Miño reforza a loita pola igualdade con actividades polo 25N

ACoruñaXa
O Concello organiza obradoiros, lectura de manifestos e accións educativas no marco do 25N
25 miño
18 Nov 2024

O Concello de Miño pon en marcha unha programación especial con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. Baixo o lema "Todas e todos contra a violencia. Fronte á violencia, palabras", as actividades buscan fomentar a igualdade e implicar a toda a cidadanía na loita contra a violencia machista.

Entre os actos principais destaca o obradoiro “Maniféstate”, que terá lugar o 25 de novembro ás 17:00 horas no local social de A Rúa. Este taller, dirixido a persoas maiores de 4 anos, consistirá na creación de pancartas en rexeitamento á violencia de xénero. Máis tarde, ás 19:00 horas, no mesmo espazo, procederase á lectura dun manifesto contra a violencia machista, reafirmando o compromiso do Concello e da comunidade.

A Biblioteca Concepción Arenal súmase á iniciativa cunha selección de lecturas para todas as idades, co obxectivo de sensibilizar e educar en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.

O programa pecharase o 28 de novembro cunha xornada de mesas de coordinación institucional no Concello de Miño, destinadas a reforzar estratexias conxuntas para combater a violencia machista.

Con esta axenda, o Concello de Miño reafirma o seu compromiso coa igualdade e invita a toda a poboación a participar activamente nesta causa esencial.

0.20630502700806