Miño recibe o Nadal con actividades para todas as idades


O Concello de Miño presenta un programa festivo cargado de actividades culturais, deportivas e de lecer baixo o lema “Nadal en Miño 2024-2025”. A iniciativa busca ofrecer propostas para todas as idades e converter estas datas nun momento inesquecible para a veciñanza.
Entre os eventos máis destacados, inclúese “Contaxoves”, unha sesión de contacontos que terá lugar o 12 de decembro na biblioteca Concepción Arenal. O 22 de decembro, o parque municipal de A Rúa transformarase no “Poboado de Nadal”, onde Papá Noel recibirá aos máis pequenos. Ademais, o 27 de decembro celebrarase unha gran festa infantil de fin de ano, con xogos temáticos e música.
No ámbito deportivo, o 14 de decembro disputarase no polideportivo municipal o primeiro torneo de fútbol sala categoría “Biberón”. Tamén haberá unha exhibición de ximnasia rítmica en colaboración co Club Deportivo Xarío. Por outra banda, entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro, organizaranse xornadas multideporte nas instalacións municipais, incluíndo fútbol sala, baloncesto e tenis.
Para os amantes das viaxes, o 21 de decembro haberá unha excursión ás luces de Nadal de Vigo, con prazas limitadas e inscrición aberta do 9 ao 18 de decembro. Os mozos de entre 12 e 17 anos poderán gozar dunha sesión de patinaxe sobre xeo en Narón o 14 de decembro, dentro do programa ‘Xuventude EnCaMiño’.
As entidades locais tamén suman esforzos nesta celebración. A Asociación Protectora de Animais Xuntos As Mariñas organizará o “Mercado de Nadal Huellitas Miño” os días 21 e 22 de decembro. Pola súa parte, a A.C.R.D. O Castro ofrecerá panxoliñas o 14 de decembro, cantos de aguinaldo o 23 e unha misa de Nadal o 25.
As festividades culminarán o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá diversas localidades pola mañá e rematará no pavillón municipal cunha gran festa infantil pola tarde.
