Miño propoñerá ampliar o programa Xantar na Casa ata 2028 con máis prazas e prezos actualizados

ACoruñaXa
A iniciativa permitirá que máis maiores e dependentes poidan manter a súa autonomía nos seus fogares cun servizo adaptado e asequible
xantar-comida
17 Dec 2024

O Concello de Miño levará este xoves, 19 de decembro, ao pleno ordinario unha proposta para renovar e ampliar ata o ano 2028 o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do programa Xantar na Casa, un servizo esencial para a autonomía das persoas maiores e dependentes. Entre as principais novidades está o aumento das prazas dispoñibles, que pasarán de 10 a 15, e a actualización dos prezos.

O programa está pensado para persoas que non poden valerse por si mesmas á hora de realizar a compra ou elaborar menús axeitados ás súas condicións de saúde. Grazas a este servizo, as persoas beneficiarias poden seguir vivindo nos seus fogares con autonomía e mantendo unha calidade de vida aceptable.

A partir da renovación, o prezo diario para os usuarios será de 1,93 euros, mentres que o custo total do servizo (7,32 euros por día) continuará a ser cofinanciado polo Concello de Miño (1,93 euros) e o Consorcio Galego (3,46 euros). Isto supón que o custo mensual para as persoas usuarias será de 54,04 euros se o mes ten catro semanas e de 67,55 euros se conta con cinco.

Menús equilibrados e adaptados

Os menús serán completos e equilibrados, con opcións adaptadas ás necesidades nutricionais, gustos e hábitos das persoas beneficiarias, respectando a gastronomía local e a estacionalidade dos produtos. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa.

A entrega realizarase unha única vez á semana, na que as persoas beneficiarias recibirán sete bandexas con menús variados e listos para cada día. Este sistema facilita o almacenamento e consumo ao tempo que asegura unha alimentación saudable e estruturada.

Un servizo fundamental

Na actualidade, 10 veciños e veciñas de Miño benefícianse deste programa, e coa ampliación a 15 prazas, o Concello espera chegar a máis persoas en situacións de dependencia ou que carecen do apoio necesario para a súa alimentación diaria. O goberno local destaca que Xantar na Casa favorece a permanencia no fogar e a autonomía persoal, evitando situacións de risco de exclusión ou institucionalización.

⚙ Configurar cookies
0.67735409736633