Miño pecha o tráfico da ponte sobre a vía do tren en Bollo durante os próximos meses
A ponte sobre a vía do tren en Bollo permanecerá pechado ao tráfico os próximos meses. Esta situación débese a que o pasado 1 de marzo un vehículo pesado, todo apunta a que se trataba dun camión cargado, atravesou esta ponte, facendo caer algunhas pedras do peitoril sobre a vía do tren.
Este accidente provocou que a ponte queda inutilizado para vehículos de calquera tipo, permitindo o paso unicamente aos peóns. Isto débese a que o paso de vehículos pon en risco a integridade da ponte, podendo causarlle aínda máis danos e poñendo en risco os trens que circulan pola vía.
A súa reparación completa obriga a cumprir os parámetros que esixe o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para manter a seguridade para a circulación ferroviaria. A actuación terá un custo de entre 50.000 e 80.000 euros, requirindo un proxecto redactado por técnicos competentes na materia.
O goberno local de Miño condena a actitude do condutor que causou os danos nesta infraestrutura, pois abandonou o lugar sen deixar os seus datos. Isto provoca que os custos da obra van recaer no Concello, é dicir, en todas e todos os miñenses.
Hai uns días, unha persoa non identificada moveu as pedras que impedían o paso de vehículos pola ponte, poñéndose a el ou ela mesmo en perigo, ademais de poder provocar novos derrubes sobre a vía férrea.
Desde o Concello de Miño queremos informar que queda totalmente prohibido mover os obstáculos que impiden pasar pola ponte, así como o paso con calquera tipo de vehículo.
Ademais, advertimos que a reparación e recuperación do uso da ponte demorarase polo menos uns meses. Isto débese á complexidade da obra, ao requisito indispensable de ter un proxecto específico, á necesidade da aprobación de ADIF e á dificultade de buscar financiamento.
Por último, rógase compresión ás persoas afectadas, á vez que se fai un chamamento a todos os veciños e veciñas que, no caso de ver un uso indebido das vías públicas por parte dos condutores, notifíquese ao Concello para evitar que situacións como esta volvan ocorrer no futuro.