Miño mobiliza 800.000 euros para renovar 29 vías e tres parques infantís en todas as parroquias

ACoruñaXa
O Concello xa iniciou parte dos traballos e prevé executar nas vindeiras semanas o groso do aglomerado e do reafirmado, pendente de que a meteoroloxía permita traballar en seco
MIÑO concello
18 Feb 2026

O Concello de Miño puxo en marcha un plan integral de mellora das infraestruturas municipais cun investimento global de 800.000 euros. A actuación inclúe a reparación e mellora do firme en 29 vías repartidas por todas as parroquias, ademais da renovación completa de tres parques infantís.

Segundo explica o goberno local, nos últimos días xa se realizaron ou arrancaron algunhas intervencións, pero a parte principal das obras de pavimentación desenvolverase ao longo das próximas semanas. O calendario, puntualizan, estará condicionado polo tempo, xa que para garantir un bo asentamento do aglomerado é necesario que non haxa humidade nin chuvia.

O plan distribúese por parroquias e inclúe actuacións como as de Bemantes, con melloras no camiño de Quintá a A Torre e nun tramo de Ansimonde, xunto coa renovación do parque infantil. En Callobre, os traballos abranguen zonas como A Brea, Vigo de Arriba e Vigo de Abaixo, Barbeita, Cachufeira e a vía de A Graña á DP0906, ademais da posta a punto da área de xogos.

En Carantoña, o Concello prevé mellorar o camiño fronte á igrexa, A Sapeira, a conexión entre camiños a Chao do Monte e a vía de Lameira a Os Castros. En Castro actuarase no lugar de Currás (Bañobre). No ámbito Miño e Sombreu, a programación inclúe, entre outras, a Rúa Marismas, un tramo do Camiño Real, A Torre en Sombreu e diferentes conexións vinculadas á AC-160 e ao acceso á ETAP.

A intervención chega tamén a Leiro, na zona de O Coído; a Perbes, con melloras en tramos como a baixada á Fonte da Leira, Pena de Abaixo a Cruz, un camiño en O Bollo e outro paralelo á vía do tren de Nigrofe a San Xoán; e a San Xoán, con actuacións en A Viña, no contorno da igrexa, en Buiña e na vía de O Couto a Rego de Andel. Nesta última parroquia renovarase tamén o parque infantil de Os Abellós, na urbanización Costa Miño.

Coa execución deste paquete de obras, o Concello sostén que busca reforzar o mantemento de servizos básicos e mellorar a calidade de vida tanto no núcleo urbano como nas zonas rurais.

⚙ Configurar cookies
0.082763910293579