Miño leva ao pleno a aprobación do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais

ACoruñaXa
O plan inclúe a creación de zonas de xestión de biomasa e o reforzo das medidas de prevención para protexer o medio ambiente e a seguridade dos veciños
Imaxe da casa do Concello en Miño
15 Out 2024

O Goberno local do Concello de Miño someterá a votación no pleno ordinario do vindeiro xoves, 17 de outubro, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O documento, que segue a normativa galega, é fundamental para protexer o patrimonio natural do municipio e reforzar as medidas de prevención fronte aos incendios.

O plan ten como obxectivo principal reducir o risco de incendios forestais, que poñen en perigo tanto o medio ambiente como as actividades económicas ligadas á agricultura e á gandería. A estratexia contempla accións concretas, como a creación de zonas estratéxicas de xestión de biomasa en áreas de alto risco e nos arredores das poboacións, o mantemento de franxas de protección e o reforzo da vixilancia nas zonas máis vulnerables.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, resaltou a importancia do plan, indicando que "o noso monte é un activo esencial que debemos protexer a toda costa". O documento tamén ofrece un estudo histórico da incidencia de incendios en Miño, concluíndo que, malia o risco moderado, cómpre intensificar as medidas preventivas.

O Concello xa adoptou medidas adicionais este ano, como a adhesión ao convenio coa Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga para garantir a retirada de biomasa, con actuacións que inclúen a limpeza de vías e terreos municipais.

0.40392303466797