Miño lanza un innovador Xeoportal para facilitar o acceso ao inventario de camiños

O Concello de Miño vén de dar un paso adiante na modernización da súa administración coa posta en marcha dun novo Xeoportal de datos, unha ferramenta dixital pioneira que permite á veciñanza acceder de maneira sinxela, visual e interactiva ao inventario municipal de camiños e ás faixas de xestión de biomasa vexetal, clave na prevención de incendios forestais.
Esta plataforma, desenvolvida con tecnoloxía GIS e xa dispoñible na páxina web oficial do Concello, representa un avance significativo tanto en termos de transparencia coma de xestión territorial. A través deste visor cartográfico, os veciños e veciñas poden consultar con detalle a rede de camiños municipais, coñecer o seu trazado exacto, a súa clasificación e outros datos técnicos relevantes. Esta información resulta de gran utilidade para a planificación de actividades agrícolas, forestais ou de lecer no entorno natural, así como para profesionais do sector como enxeñeiros, topógrafos ou empresas de mantemento.
Un dos aspectos máis destacados do Xeoportal é a súa capacidade para integrar a cartografía das franxas secundarias de xestión da biomasa, permitindo identificar de xeito inmediato se unha parcela se atopa nunha zona de actuación obrigatoria. Isto facilita a eliminación de vexetación prohibida —como pinos, mimosas, acacias, eucaliptos, xestas, silvas, fentos ou toxos— e promove a plantación de especies permitidas, contribuíndo á creación e conservación das faixas de protección contra incendios que tan bos resultados están a dar noutros lugares de Galicia.
Ademais, a plataforma ofrece ferramentas para realizar buscas por dirección, visualizar distintas capas de información e empregar funcionalidades de medición e localización, o que a converte nun recurso moi útil tanto para a cidadanía como para os profesionais.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou o valor estratéxico deste novo recurso dixital, que cualificou como “unha ferramenta clara, intuitiva e útil para toda a veciñanza, pensada para coñecer mellor o noso territorio e contribuír activamente á prevención de riscos como os incendios forestais, que tanto nos preocupan”. Tamén quixo poñer en valor a colaboración institucional coa Xunta de Galicia e coa empresa pública Seaga, entidades coas que o Concello mantén un convenio para a xestión da biomasa en zonas estratéxicas. “Este Xeoportal é un exemplo de como o traballo conxunto entre administracións e o uso intelixente da tecnoloxía poden redundar no ben común”, afirmou.
Dende o Concello anímase á cidadanía a empregar esta ferramenta, accesible desde calquera dispositivo con conexión a internet, como un medio para coñecer mellor o entorno, planificar actuacións sobre o terreo e colaborar na protección do valioso patrimonio natural de Miño.