Miño investirá máis de 170.000 euros do Plan Único en tres actuacións de mellora no municipio

ACoruñaXa
O pleno municipal aprobou destinar os fondos provinciais á mellora do saneamento, do abastecemento e da rede de pluviais, ademais de participar nun novo obradoiro dual de emprego xunto con Pontedeume e Cabanas
Imaxe do Concello de Miño
19 Dec 2025

O Concello de Miño celebrou unha sesión ordinaria do pleno na que se abordaron varios asuntos de relevancia para o municipio, centrados principalmente na mellora das infraestruturas locais e na cooperación entre concellos para o impulso do emprego.

Durante a sesión, a corporación municipal deu luz verde á participación de Miño na segunda fase do Plan Único da Deputación da Coruña, un programa que permitirá executar tres actuacións de mellora cun investimento global de 171.734,52 euros.

As actuacións previstas inclúen a pavimentación e a mellora do sistema de recollida de augas pluviais na rúa da Igrexa, cun orzamento de 79.256 euros. Ademais, acometerase a ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar da Torre, na parroquia de Perbes, cun investimento de 36.899 euros, así como a ampliación da rede de saneamento na zona de Bollo e na EDAR, cun custo de 55.580 euros.

No mesmo pleno tamén se aprobou a participación conxunta dos concellos de Miño, Pontedeume e Cabanas na convocatoria de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para poñer en marcha o obradoiro dual de emprego Ártabro Emprende V.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, os tres municipios formalizarán un convenio de colaboración que permitirá coordinar o traballo, compartir recursos e mellorar a xestión do proxecto. Esta cooperación facilitará tanto a solicitude e o seguimento da subvención como a correcta execución das accións formativas e laborais previstas nas tres localidades.

⚙ Configurar cookies
0.080751895904541