Miño inicia a renovación da rúa Marismas en catro fases para reducir as molestias

O Concello de Miño iniciou as obras de renovación da rúa Marismas, unha intervención moi demandada pola veciñanza, especialmente polas familias do alumnado do CPI Castro Baxoi, que utilizan esta vía varias veces ao día.
Para reducir as molestias durante a execución dos traballos, tanto á comunidade educativa como ao resto da poboación, a actuación desenvolverase en catro fases. Esta organización permitirá conservar a circulación nos dous sentidos ao longo de toda a rúa e manter dispoñibles as zonas de estacionamento nos tramos nos que non se estean realizando as obras.
O Goberno local recomenda utilizar as áreas habilitadas para o servizo de "Bica e arrinca" nas rúas Cobo e Marismas. Ademais, pide ás persoas que estacionen nesta última vía que limiten o tempo de permanencia para facilitar o uso destas prazas por parte doutros usuarios.
Pola súa banda, a rúa Telle continuará sendo de uso exclusivamente residencial.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, agradeceu a colaboración da cidadanía e apelou á súa comprensión durante o período de execución do proxecto. "A comprensión e a paciencia que debemos ter durante os meses que dure a execución dos traballos dunha obra que será moi positiva para toda a veciñanza", sinalou.