Miño incrementou notablemente a recollida de roupa usada no 2024
O Concello de Miño pechou 2024 cunha importante subida na recollida de roupa usada e residuos téxtiles, consolidando o seu compromiso coa sostibilidade e a economía circular. Durante este último ano recolléronse 15.100 quilogramos, un incremento significativo de máis de 3.000 quilogramos respecto ao ano 2023.
Desde 2022, o servizo municipal de recollida xestionou un total de 39.080 quilogramos de roupa e residuos téxtiles, contribuíndo ao aforro de 124,04 toneladas de emisións de CO₂. A evolución dos últimos tres anos reflicte o impacto positivo desta iniciativa:
- Ano 2022: 12.050 kg recollidos e 38,19 toneladas de CO₂ aforradas.
- Ano 2023: 11.930 kg recollidos e 38 toneladas de CO₂ aforradas.
- Ano 2024: 15.100 kg recollidos e 47,85 toneladas de CO₂ aforradas.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia da colaboración cidadá e o traballo voluntario: “O esforzo conxunto entre as voluntarias, o Concello e a veciñanza demostra que podemos alcanzar grandes resultados se unimos forzas. Cada prenda depositada nos colectores é un paso máis cara a un futuro sostible e responsable”.
O Concello quere agradecer especialmente o labor das persoas voluntarias do roupeiro municipal, cuxa dedicación fai posible estes resultados. A súa contribución, xunto co compromiso da cidadanía que utiliza os puntos habilitados, fomenta a reutilización e o reciclaxe, avanzando cara a un Miño máis sostible e solidario.