Miño formaliza a concesión a Gadis para construír o supermercado de Costa Miño

ACoruñaXa
O contrato, asinado ante notario en Pontedeume, prevé unha superficie comercial de 1.518 metros cadrados e un aparcamento con 48 prazas, cun deseño sostible e integrado no contorno
MIÑO firma gadis
18 Jan 2026

O Concello de Miño deu un novo paso para dotar á urbanización de Costa Miño dunha superficie comercial. O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e o delegado da área da Coruña de Gadisa, Baltasar López Lamas, asinaron esta semana ante o notario de Pontedeume o contrato de concesión a Gadis do espazo no que se proxecta a construción dun supermercado. Segundo o previsto, a empresa solicitará a licenza de obra nas vindeiras semanas.

O futuro establecemento aposta por unha integración urbana coidada e por criterios de sostibilidade ambiental. Contará con atención directa en pescadaría, carnicería e charcutaría, e a concesión terá unha duración de 30 anos. En canto aos accesos, o proxecto define unha entrada principal pola avenida de Xarío e unha saída pola rúa A Madanela, co obxectivo de facilitar unha circulación máis fluída e segura para vehículos e peóns.

A edificación implantarase nunha parcela de 3.511,98 metros cadrados delimitada polas rúas Camposas, Madanela, Cepeira e a propia avenida de Xarío. O deseño propón unha planta rectangular e unha cuberta a dúas augas agochada tras muros perimetrais para manter unha imaxe arquitectónica ‘limpa e equilibrada’. Ademais, ao situarse nunha ladeira e quedar semienterrado, o inmoble (cunha altura aproximada de sete metros) busca reducir o impacto visual e preservar as vistas e a entrada de luz nas vivendas próximas.

O edificio desenvolverase en planta baixa e unha pequena entreplanta, cun total construído de 1.518,35 metros cadrados, aos que se suma unha terraza técnica na que se colocarán instalacións exteriores (ocultas e con illamento acústico) para minimizar molestias no entorno. O proxecto inclúe tamén un aparcamento con 48 prazas, mentres que unha parte da parcela se reservará para zonas urbanizadas e axardinadas. Prevese, ademais, o axardinamento de taludes con especies autóctonas de baixo porte e a substitución de árbores enfermas ou deterioradas nas rúas Camposas e Cepeira.

O rexedor cualificou a operación como ‘unha gran nova para Miño’ e incidiu en que se trata dun servizo ‘moi demandado e moi necesitado’ polo crecemento poboacional dos últimos anos, especialmente en Costa Miño. O Concello difundiu, xunto coa información da sinatura, unha foto do acto e un plano do proxecto.

MIÑO - GADIS 3
⚙ Configurar cookies
0.091040849685669