Miño e Pontedeume acollerán a Copa Deputación de fútbol os días 1 de agosto e a primeira fin de semana de setembro

ACoruñaXa
A competición masculina disputarase en Miño e a feminina en Pontedeume, coa participación dos campións das copas oficiais das catro delegacións da provincia
presentacion-copa-deputacion-de-futbol-coruña
25 Jul 2026

A Copa Deputación de fútbol afeccionado celebrará a súa XXXIV edición masculina e a sétima feminina entre os meses de agosto e setembro, con Miño e Pontedeume como sedes das fases finais. O torneo masculino disputarase o 1 de agosto en Miño, mentres que o feminino terá lugar o 5 ou 6 de setembro en Pontedeume.

O Pazo Provincial acolleu este venres o sorteo oficial dos emparellamentos das semifinais, nun acto no que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; así como representantes dos concellos anfitrións e dos clubs participantes.

Na competición masculina participarán o Muxía CF, como campión da Copa da Costa; a SD Negreira, vencedora da Copa do Sar; o San Tirso SD, representante da Copa da Coruña; e a SD O Val de Narón, campioa da Copa de Ferrol.

Pola súa banda, o torneo feminino contará coa presenza da SR San Xoán de Calo, campioa da Copa do Sar; o Atlético San Pedro, representante da Copa da Coruña; o Xallas FC, vencedor da Copa da Costa; e a SD O Val de Narón, campioa da Copa de Ferrol.

Os emparellamentos definidos no sorteo enfrontarán, na categoría feminina, ao Atlético San Pedro coa SD O Val de Narón, ás 10.30 horas, e ao Xallas FC coa SR San Xoán de Calo, ás 12.30 horas. Na competición masculina, o San Tirso SD medirase á SD Negreira, tamén ás 10.30 horas, mentres que o Muxía CF xogará fronte á SD O Val de Narón, ás 12.30 horas. As finais disputaranse pola tarde da mesma xornada.

O torneo reúne os equipos campións das copas oficiais organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol nas catro delegacións da provincia. No caso da competición masculina, o equipo vencedor logrará ademais a clasificación para a Supercopa Deputación, na que participarán os campións provinciais de Galicia, e tamén disputará a fase previa da Copa do Rei.

A organización establece convocatorias de ata 25 xogadores ou xogadoras por equipo e cambios ilimitados, unha medida pensada para facilitar a celebración de toda a competición nun único día e favorecer o espectáculo deportivo.

A Deputación da Coruña destina 24.000 euros en premios nesta edición. Os equipos campións de ambas categorías recibirán 5.000 euros, os subcampións 4.000 euros e os catro semifinalistas percibirán 1.500 euros cada un.

Durante o acto, Valentín González Formoso destacou o labor que desenvolven os clubs e entidades deportivas de base, sinalando que este traballo é clave “para conseguir éxitos tan recentes como o Mundial de fútbol logrado a semana pasada”. O presidente provincial tamén agradeceu a implicación da Federación, dos concellos e dos clubs, lembrando que “o fútbol é un deporte moi demandante a nivel económico e de recursos”.

Na mesma liña, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, afirmou que “o fútbol base e afeccionado é o xerme de éxitos coma o Mundial. Hai moito traballo por detrás que non sería posible sen o traballo de tanta xente, que o fai, na maioría dos casos, de forma altruísta”, ao tempo que agradeceu o compromiso da Deputación, dos concellos colaboradores e dos clubs co impulso do deporte de base.

0.13171887397766