Miño destina case 760.000 euros do Plan Único a gasto corrente e ao saneamento do núcleo de Bollo

O Concello de Miño aprobou este xoves, nun pleno extraordinario, a súa participación no Plan Único 2026 da Deputación da Coruña, cunha achega total de 759.668 euros. Do total, 608.047 euros destinaranse a financiar gasto corrente e 151.621 euros irán para investimentos, concretamente para dotar de saneamento ao núcleo rural de Bollo, na parroquia de Perbes, que actualmente carece deste servizo.
A actuación, incluída no Plan Complementario e cun orzamento de 151.621,54 euros, contempla a instalación de colectores mediante canalización de PVC e os seus correspondentes pozos de rexistro. Segundo recolle o proxecto, o desnivel existente obriga a salvar a vía férrea aproveitando o paso actual, o que require a construción dun pozo de bombeo e a súa impulsión (EBAR), con dúas bombas de funcionamento alterno.
As obras completaranse coa reposición integral do firme nas pistas afectadas e coa corrección da rasante na entrada oeste da ponte. A intervención rematará coa sinalización horizontal e o pintado dos símbolos na calzada.
No apartado de gasto corrente, o Concello prevé financiar 545.189 euros a través do Plan Único e 62.857,41 euros mediante o Plan Único Adicional 3/2026. Ademais, no mesmo pleno abordouse a delegación na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias para convocar e desenvolver procesos selectivos unitarios de acceso ao corpo de Policía Local e ás prazas de auxiliares, autorizando tamén a sinatura do correspondente convenio.