Miño convértese na capital do fútbol afeccionado coa gran final da Copa Deputación

O campo municipal de Gallamonde, en Miño, converterase este sábado 1 de agosto no epicentro do fútbol afeccionado da provincia coa disputa da fase final da Copa Deputación de fútbol masculino. A cita reunirá centos de afeccionados dos catro equipos clasificados, que competirán nunha intensa xornada na procura do título.
A competición arrancará ás 10.30 horas coa primeira semifinal, que enfrontará ao San Tirso SD e á SD Negreira. Posteriormente, ás 12.30 horas, disputarase a segunda semifinal entre o Muxía CF e a SD O Val.
Os dous equipos vencedores xogarán a gran final a partir das 19.00 horas, un encontro do que sairá o novo campión provincial.
Ademais do prestixio deportivo, o torneo reparte 12.000 euros en premios. O equipo gañador recibirá 5.000 euros, mentres que o subcampión obterá 4.000 euros. Os dous conxuntos eliminados nas semifinais percibirán 1.500 euros cada un.
O campión da Copa Deputación tamén conseguirá unha praza na Supercopa Deputación, na que competirán os vencedores das catro provincias galegas. O gañador dese torneo logrará, ademais, clasificarse para disputar a fase previa da Copa do Rei.
A edición deste ano incorpora como principal novidade a ampliación das convocatorias ata os 25 xogadores por equipo, así como a posibilidade de realizar cambios ilimitados, unha medida que busca favorecer o espectáculo e facilitar que toda a competición se celebre nunha única xornada.
A entrega de trofeos terá lugar ao remate da final e contará coa presenza do voceiro do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández.