Miño celebrará o Día de Rosalía cun obradoiro de collage no Centro Social da Rúa

Miño conmemorará o Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro, cunha proposta creativa arredor da figura da escritora. O Concello organizará ese mesmo día un obradoiro de collage manual dedicado a Rosalía e ao seu contexto vital e literario, que terá lugar no Centro Social da Rúa en horario de 17.30 a 19.30 horas.
A iniciativa pretende achegar esta técnica artística desde unha perspectiva lúdica, explorando o seu potencial expresivo a través da vida e da obra da autora. O obradoiro está concibido para fomentar a participación e a creatividade, polo que non é preciso ter coñecementos previos.
A actividade vai dirixida a persoas de todas as idades, aínda que as menores de 10 anos deberán asistir acompañadas por unha persoa adulta. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse no SNL do Concello de Miño ou no teléfono 981 782 006.