Miño bate o seu récord histórico de poboación e chega aos 7.268 habitantes


O Concello de Miño volve marcar un novo fito demográfico. Segundo os datos provisionais do padrón municipal a 1 de xaneiro de 2026, o municipio alcanza os 7.268 habitantes, a cifra máis alta da súa serie histórica.
O dato consolida unha tendencia que o goberno local cualifica de sostida: Miño encadea xa dez anos consecutivos gañando poboación. No último exercicio sumou 160 novos residentes, ao pasar dos 7.108 contabilizados no ano anterior aos actuais 7.268.
Desde o Concello salientan que este avance está ligado, en boa medida, a un perfil de novas altas máis novo e familiar do habitual en Galicia, o que se reflicte na demanda de servizos educativos e de conciliación, con matrículas elevadas no CPI Castro Baxoi e unha participación destacada en actividades infantís e xuvenís (campamentos, deporte e propostas culturais).
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, interpreta o novo máximo como un indicador de atractivo residencial e subliña factores como a calidade de vida, a contorna e a mellora de servizos e infraestruturas. O goberno municipal engade que o reto agora pasa por acompasar este crecemento coa dotación de equipamentos e recursos para atender ás necesidades da veciñanza.