Miño aproba no pleno a ampliación da ordenanza de estacionamento para incluír as caravanas

ACoruñaXa
O pleno tamén aprobou, por unanimidade, a adhesión ao Fondo de Financiación de Entidades Locais 2025
Imaxe do pleno de Miño
20 sep 2024

O Concello de Miño aprobou definitivamente, no pleno ordinario de onte, a ampliación da ordenanza que regula o estacionamento e pernocta de autocaravanas e vehículos tipo ‘camper’, engadindo agora as caravanas á normativa. Esta decisión responde á alegación presentada pola Asociación La Peka, que solicitaba a inclusión deste tipo de vehículos na normativa, ademais das autocaravanas.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que o obxectivo desta modificación é "mellorar a convivencia entre os diferentes tipos de vehículos recreativos", especialmente durante os meses de verán, cando Miño rexistra un maior fluxo de visitantes. Con esta ampliación, preténdese regular o uso do espazo público de maneira máis efectiva, garantindo que non se obstaculice o tráfico nin se comprometa a seguridade viaria.

A normativa establece sancións entre 300 e 6.000 euros para infraccións, que tamén serán aplicables ao incumprimento das novas regras para caravanas. Mantense a prohibición de ampliar o perímetro dos vehículos con elementos como mesas ou toldos, así como o vertido de residuos en espazos públicos.

Ademais, no pleno ordinario tomouse posesión a nova concelleira do PP, Sagrario Pérez Díaz, e tratáronse temas como a liquidación do orzamento municipal do 2023 e os informes trimestrais do período medio de pagamento a provedores.

Previamente, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade a adhesión de Miño ao Fondo de Financiación de Entidades Locais (FFEELL) para 2025, permitindo solicitar un préstamo duns 1 millón de euros ao Ministerio de Facenda para cubrir os pagos pendentes das expropiacións de Costa Miño.

0.079776048660278