Miño amplía o servizo de Xantar na Casa a 15 persoas beneficiarias
Miño ampliou o servizo de Xantar na Casa, pasando de 10 a 15 as persoas beneficiarias, tras renovar o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este acordo garante a continuidade do programa ata 2028, reforzando o compromiso do municipio co benestar das persoas maiores e dependentes.
O programa, operativo dende o pasado martes, 14 de xaneiro, facilita que as persoas que non poden cubrir por si mesmas as súas necesidades básicas de alimentación poidan permanecer nos seus fogares con autonomía e cunha calidade de vida adecuada. Os menús que se entregan son equilibrados, variados e adaptados ás necesidades de saúde, preferencias e hábitos alimenticios dos usuarios, incorporando pratos típicos da gastronomía local e produtos estacionais.
Cada menú inclúe un primeiro prato, un segundo prato e sobremesa, que se distribúen nunha única entrega semanal con sete bandexas para toda a semana. O custo diario para as persoas usuarias será de 1,93 euros, mentres que o Concello e o Consorcio cofinanciarán o resto, asegurando a sustentabilidade do programa.
Esta ampliación non só aumenta o número de beneficiarios senón que tamén reafirma o compromiso do Concello de Miño co coidado e atención das persoas maiores e dependentes, garantindo que poidan continuar vivindo de forma autónoma nos seus fogares co apoio necesario.