Miño acollerá o 13 de xaneiro unha nova sesión de ‘A Administración preto de ti’
O auditorio do Centro Social de A Rúa en Miño será o escenario dunha nova sesión de ‘A Administración preto de ti’ o vindeiro luns 13 de xaneiro. Organizada polo Ministerio de Política Territorial, a xornada dará comezo ás 11:00 horas e busca achegar os trámites dixitais da Administración Pública á cidadanía.
Durante o evento, ofrecerase a posibilidade de obter o certificado dixital ou a identificación Cl@ve de xeito inmediato, uns dos servizos máis demandados polos asistentes. Cómpre destacar que só se expedirán un máximo de 25 certificados electrónicos, polo que é imprescindible realizar unha inscrición previa chamando ao teléfono 981 782 006. As inscricións xa están abertas.
Ademais, a sesión inclúe un servizo de asesoramento para resolver dúbidas sobre xestións administrativas habituais, como a xubilación, a consulta da vida laboral ou o acceso ao bono cultural. O obxectivo é combater a fenda dixital e ofrecer igualdade de oportunidades a toda a poboación.
Desde o Concello de Miño subliñan a importancia desta iniciativa: “Este tipo de xornadas son necesarias, pois non todo o mundo se manexa ben no ámbito dixital. Unha formación coma esta, na que se tratan os procedementos básicos, proporciona á poboación máis autonomía á hora de realizar estas xestións, evitando desprazamentos innecesarios”.