Miño abre a inscrición para o Xantar do Maior, que reunirá a 250 persoas no Juan Tenreiro

ACoruñaXa
O prazo para anotarse estará aberto ata o 17 de abril no departamento de Servizos Sociais e o encontro celebrarase o 25 de abril, ás 14.00 horas
MIÑO xantar do maior
14 Apr 2026

O Concello de Miño abriu o prazo de inscrición para participar no Xantar do Maior 2026, unha cita pensada para render homenaxe ás persoas maiores do municipio e favorecer unha xornada de convivencia. O encontro celebrarase o sábado 25 de abril, ás 14.00 horas, no pavillón municipal Juan Tenreiro.

A convocatoria está dirixida a veciños e veciñas de máis de 55 anos empadroados en Miño. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro venres 17 de abril no departamento de Servizos Sociais, situado no baixo da Casa do Concello. O aforo máximo será de 250 persoas, polo que as prazas estarán limitadas.

A xornada busca recoñecer a contribución de quen participou no desenvolvemento do municipio ao longo dos anos, ao tempo que ofrece un espazo para compartir mesa, conversa e lecer. O menú previsto incluirá aperitivos, salpicón, xarrete e sobremesa, nun ambiente festivo no que tamén haberá música e baile.

Como novidade nesta edición, o Concello permitirá que cada unidade familiar poida acudir cun acompañante maior de 55 anos non censado en Miño. Ademais, e co obxectivo de facilitar a asistencia, volverá habilitarse un servizo de autobús para os desprazamentos.

Desde o goberno local animan á veciñanza a sumarse a esta celebración, concibida para gozar dun día distinto en boa compañía e reforzar os lazos sociais entre os maiores da localidade.

0.14509701728821