Milleiros de persoas enchen Sada durante unha exitosa XV Feira Modernista

Sada volveu converterse esta fin de semana nun escenario inspirado nos primeiros anos do século XX coa celebración da XV Feira Modernista, unha cita que reuniu a milleiros de persoas entre veciñanza e visitantes e que encheu as rúas de música, teatro, danza e actividades para todos os públicos.
Durante tres xornadas, o municipio ofreceu unha ampla programación arredor do patrimonio modernista da vila. O Mercado Modernista foi un dos principais atractivos, xunto coas rutas guiadas polo centro urbano e Fontán, que permitiron aos asistentes descubrir a historia e a arquitectura deste enclave mariñeiro.
O programa incluíu tamén espectáculos familiares, representacións teatrais, actuacións de maxia, obradoiros artísticos e concertos de jazz, dixieland e swing, ademais de exhibicións de baile e animación de rúa. Os paseos nun autobús de época, o tradicional picnic popular nos xardíns e as actividades organizadas na contorna de La Terraza contribuíron a recrear o ambiente da Belle Époque.
Un dos momentos máis agardados da programación foi o bautismo aéreo en globo na praia das Delicias. A actividade estaba prevista inicialmente para o sábado, pero tivo que aprazarse debido ás condicións meteorolóxicas. Finalmente, o domingo pola tarde, a mellora do vento permitiu levar a cabo o voo, ofrecendo aos participantes unha perspectiva única da vila desde o aire.
O Concello destacou a elevada participación rexistrada ao longo de toda a fin de semana e agradeceu a implicación de todas as persoas que colaboraron nesta edición, tanto das que acudiron caracterizadas con vestimenta de época como das que se achegaron a desfrutar da programación. A Feira Modernista consolídase así como unha das citas culturais e turísticas máis destacadas do calendario estival de Sada.