Milleiros de figuras e grandes dioramas protagonizan a VI Feira Exposición Playmobil en Curtis

ACoruñaXa
O Recinto Feiral acollerá desde este venres e ata o domingo unha mostra gratuíta con escenarios de ata 16 metros cadrados, un xogo con premios e unha campaña solidaria de recollida de cápsulas plásticas
Feria Curtis Playmobil
29 Oct 2026

O Recinto Feiral de Curtis acollerá desde este venres 30 de outubro a VI Feira Exposición Playmobil, unha cita que reunirá milleiros de figuras e grandes dioramas con escenarios inspirados en diferentes épocas e universos. A mostra, organizada por PlaymoGalicia xunto co Concello de Curtis e coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, poderá visitarse ata o domingo 1 de novembro con entrada gratuíta.

A exposición contará con varios dioramas, un deles de ata 16 metros cadrados, que permitirán viaxar desde o Antigo Exipto e o Vello Oeste ata o planeta Marte ou o universo de Heidi. A mostra tamén terá un espazo dedicado aos castros galegos, entre outras recreacións históricas e temáticas.

A feira abrirá este venres de 16:30 a 20:00 horas. O sábado poderá visitarse de 10:30 a 20:00 horas, mentres que o domingo estará aberta de 10:00 a 19:00 horas. Durante as tres xornadas, a entrada será gratuíta.

Desde o Concello convidan a participar tanto á veciñanza do municipio como ás persoas procedentes doutros lugares da contorna e de diferentes puntos de Galicia. O Goberno local tamén agradece a implicación de PlaymoGalicia na organización dunha cita que combina coleccionismo, creatividade e lecer para todas as idades.

Un xogo con premios e unha iniciativa solidaria

As persoas que acudan á exposición recibirán na entrada un papel para participar nun xogo que consiste en localizar varios erros agochados nos dioramas. A participación permitirá optar ao sorteo de diferentes premios.

Ademais, a feira incluirá unha campaña solidaria de recollida das cápsulas plásticas amarelas que envolven os xoguetes promocionais dunha coñecida marca de ovos de chocolate, que entrega figuras de Playmobil. O material recollido destinarase a fins solidarios, polo que a organización anima o público a levar estas cápsulas durante a visita.

A exposición contará tamén con vendedores especializados, unha oportunidade para que coleccionistas e afeccionados poidan ampliar as súas coleccións ou atopar pezas especiais.

As figuras de Playmobil, de 7,5 centímetros de altura e acompañadas de accesorios, vehículos e edificios a escala, permiten recrear todo tipo de escenarios. A súa popularidade favoreceu a creación de asociacións de coleccionistas que organizan exposicións e feiras como a que se celebra esta fin de semana.

0.120680809021