Miguel Lorenzo reclama a retirada da estrutura de formigón do ascensor dos Cantóns

O candidato do Partido Popular á Alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, reclamou á alcaldesa, Inés Rey, que retire a estrutura de formigón construída como saída do ascensor do aparcadoiro dos Cantóns e que a substitúa por outra acristalada, ao considerar que a actual resulta inadecuada para a contorna.
Lorenzo cualificou esta actuación como “un atentado visual en pleno corazón da cidade” e advertiu de que, se o Concello non a elimina, “cando sexa alcalde virei cun pico e unha pa para derrubalo eu mesmo”.
O representante popular enmarcou esta crítica dentro da súa valoración das obras de remodelación dos Cantóns, ás que o Concello destina, segundo indicou, un investimento de oito millóns de euros. Ao seu xuízo, trátase dunha actuación que “xera moitas dúbidas e un crecente rexeitamento” entre a cidadanía.
Na súa análise do desenvolvemento das obras, Lorenzo asegurou que na zona da Mariña apareceron fendas no pavimento desde a súa apertura. Tamén criticou a intervención na contorna de Correos, onde sostén que se eliminou a zona de carga e descarga situada xunto ao Teatro Colón, se instalou unha parada do transporte metropolitano “na que non caben os autobuses” e se creou, segundo afirmou, un problema de seguridade viaria nos cruzamentos entre autobuses, peóns e o carril bici.
Respecto á zona do Obelisco, o candidato do PP censurou a eliminación das áreas verdes que rodeaban este espazo, a substitución das farolas ornamentais por novos focos e o traslado do metrosídero. Sobre esta árbore afirmou que “ao que lle pasa como ao goberno municipal: Inés Rey di que está vivo cando todas as noticias indican que está morto”.
A maiores, insistiu nas súas críticas á estrutura construída para o ascensor do aparcadoiro, que definiu como “un búnker” e “un mamotreto de formigón totalmente inapropiado para esa zona, onde debería haber unha estrutura acristalada acorde coa súa localización”.
Lorenzo tamén cuestionou o deseño global da reforma dos Cantóns e lembrou que a alcaldesa definiu o proxecto como unha “alfombra de pedra”. Pola contra, asegurou que “o que estamos vendo é un deserto de cemento e formigón”.
Segundo os datos facilitados polo candidato popular, a actuación incorpora algo máis de 10.000 metros cadrados de nova superficie, dos que 9.500 corresponderán a cemento e formigón e 750 a zonas verdes. Segundo estas cifras, unha vez rematada a reforma, o 96 % da superficie estará ocupada por cemento e formigón, mentres que o 4 % restante será zona verde.
Miguel Lorenzo concluíu reclamando ao Goberno local que rectifique a actuación e retire a estrutura de formigón do ascensor. “Inés Rey debe escoitar e rectificar, comezando por derrubar este búnker como saída do ascensor. E se non o fai, fareino eu dentro de dez meses”, afirmou.