Miguel Lorenzo comprométese a eliminar a zona tensionada da Coruña se chega á Alcaldía

ACoruñaXa
O líder do PP asegura que a medida reduciu a oferta de vivendas en alugueiro, non freou a subida dos prezos e prexudicou ás familias que buscan unha residencia habitual
A CORUÑA miguel lorenzo 09.06.2026
30 Jul 2026

O portavoz do Partido Popular na Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo, realizou un balance do primeiro ano de aplicación da declaración de zona tensionada na cidade, unha medida que cualificou de "fracaso absoluto" e que asegura que derrogará se accede ao Goberno municipal.

Segundo explicou, a limitación prevista na Lei estatal de Vivenda non conseguiu cumprir o obxectivo de facilitar o acceso ao alugueiro. Pola contra, sostén que provocou unha redución significativa da oferta de inmobles dispoñibles e un incremento dos alugueiros de tempada, ao tempo que os prezos continúan aumentando.

Lorenzo asegurou que os datos oficiais apuntan a un descenso do 36 % das vivendas ofertadas para alugueiro desde a entrada en vigor da medida, situando á Coruña como a cidade galega na que máis diminuíu este mercado. Na súa opinión, moitos propietarios optan agora por vender os inmobles, destinalos ao alugueiro temporal ou comercializar por separado vivenda, garaxe e rocho.

O dirixente popular tamén afirmou que os prezos non experimentaron a baixada anunciada. Como exemplo, citou informes do sector inmobiliario que sitúan o prezo medio do alugueiro no segundo trimestre do ano por riba do rexistrado hai doce meses, unha evolución que, segundo indicou, confirma que a medida non tivo efecto sobre o custo da vivenda.

Ademais, asegurou que as axencias inmobiliarias advirten da escaseza de pisos destinados ao alugueiro habitual, mentres aumenta a oferta de alugueiros estacionais, unha situación que, ao seu xuízo, dificulta especialmente o acceso á vivenda para as familias.

Ante este escenario, Miguel Lorenzo reiterou o seu compromiso de revogar a declaración de zona tensionada no caso de converterse en alcalde da Coruña. O candidato popular defendeu que a solución pasa por modificar a Lei estatal de Vivenda, incrementar a construción de novos inmobles, acelerar a concesión de licenzas urbanísticas e recuperar as axudas municipais para rehabilitación e instalación de ascensores, asegurando que estas convocatorias non se impulsan desde 2024.

0.12945008277893